Friday 19 de April de 2024

A Xunta propicia que o alumnado galego desenvolva as súas capacidades dialécticas a través do Programa de Debate Parlamento Xove


Esta fin de semana na categoría de 1º e 2º de Bacharelato participan un total de 19 equipos de 14 centros educativos de toda Galicia
A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez Suárez, participou no Centro Residencial Docente A Coruña na segunda xornada clasificatoria da competición de debate Parlamento Xove, unha iniciativa da Consellería de Política Social que pretende potenciar o diálogo como ferramenta para argumentar as ideas propias entre a mocidade galega e que este ano chega a súa novena edición.

A titular do departamento autonómico sinalou que entre os obxectivos desta iniciativa destaca “fomentar o uso da palabra entre os mozos e mozas a través do enfrontamento dialéctico, sempre dende o respecto e a tolerancia”. Ademais, poténcianse habilidades individuais e en grupo entre as que destacan o desenvolvemento da capacidade de selección de información, a expresión escrita, a expresión oral, a orixinalidade, a argumentación razoada, o traballo en equipo ou a convivencia. Asemade, “fomenta a lectura, a escritura, o emprego das novas tecnoloxías con fins informativos, educativos e culturais e o respecto polas ideas dos demais”, engadiu Cecilia Vázquez.

O programa Parlamento Xove está estruturado en dúas categorías diferenciadas por idades e tramo educativo: unha para alumnado de 3º e 4º de Educación Secundaria e outra para o de 1º e 2º de Bacharelato. Esta fin de semana na categoría de 1º e 2º de Bacharelato participan un total de 19 equipos de 14 centros educativos de toda Galicia. Cun equipo participan: o CPR Plurilingüe Liceo La Paz (A Coruña), o IES Moncho Valcarce (As Pontes), o IES Miguel Ángel González Estévez (Vilagarcía de Arousa), o IES Pintor Colmeiro (Silleda), o Colexio Mª. Inmaculada Carmelitas (Vigo), o IES A Xunqueira II (Pontevedra), o Colexio Plurilingüe San José-Fec (Lugo), o IES A Pinguela (Monforte de Lemos) e o IES Lucus Augusti (Lugo). E con dous equipos participan: o Colexio La Salle (Santiago), o Colexio Internacional Sek Atlántico (Poio), o IES Laxeiro (Lalín), o IES de Becerreá e o IES Basanta Silva (Vilalba)

Trátase dunha competición de debate na que os equipos representantes de centros educativos de toda Galicia empregan a oratoria para defender un determinado posicionamento acerca dun tema proposto pola organización; os participantes de cada equipo (formado por catro alumnos e un profesor) investigarán e debaterán sobre o tema proposto, incluíndose tamén a posibilidade de realización dun artigo de investigación.

Nesta edición o tema para a fase clasificatoria é: A educación ambiental nos centros educativos, significaría evitar incendios como os acaecidos en outubro de 2017 en Galicia? A dificultade da actividade está en que só cinco minutos antes de cada encontro dialéctico se procede ao sorteo da postura a adoptar por cada equipo, a favor ou en contra, en relación á cuestión formulada. Os equipos levaron a cabo un labor de investigación previa e agora contrapoñen e discuten datos e ideas.

Cecilia Vázquez sinalou que “Parlamento Xove nace dun modelo participativo, proporciónalle aos mozos e mozas ferramentas de argumentación, aprenden a escoitar e a debater, a actuar e falar en público. Os debates son espazos de comunicación, de escoita, que permiten a discusión, a defensa das ideas con argumentos, medrar no emprego de ferramentas democráticas”. “Os participantes desenvolven, entre outros, valores como a tolerancia, a convivencia, o respeto, o traballo en equipo”, concluíu.

Na categoría da ESO os debates da primeira quenda de debates descorreron a fin de semana pasada, resultando clasificados oito equipos de sete centros educativos; cun equipo o CPR Maristas A Inmaculada de Lugo, o CPR Plurilingüe As Esclavas da Coruña, o Colexio Plurilingüe San José-Fec de Lugo, o Colexio Padres Escolapios de Monforte de Lemos, o CPR Plurilingüe Sagrada Familia de Vilagarcía de Arousa e o Colexio La Salle de Santiago; e con dous equipos o Colexio Internacional Sek-Atlántico de Poio.

Na categoría de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO), participaron un total de 23 equipos de 18 centros educativos de toda a comunidade autónoma galega. Cun equipo participaron: o CPR Plurilingüe Liceo La Paz (A Coruña), o Colexio La Salle (Santiago), o IES Campo de San Alberto (Noia), o CPR Plurilingüe Esclavas (A Coruña), o IES Plurilingüe Pedra da Aguia (Camariñas), o IES Moncho Valcarce (As Pontes), o IES Agra do Orzán (A Coruña), o CPR Plurilingüe Nosa Señora de Lourdes (A Estrada), o CPR Plurilingüe Monterrey (Vigo), o IES A Xunqueira II (Pontevedra), o Colexio Plurilingüe San José-Fec (Lugo), o IES de Becerreá e o Centro Educativo Galén (Lugo). E con dous equipos participaron: o Colexio Internacional Sek- Atlántico (Poio), o Colexio Mª Inmaculada Carmelitas (Vigo), o CPR Plurilingüe Sagrada Familia (Vilagacía de Arousa), o CPR Maristas A Inmaculada (Lugo) e o Colexio Padres Escolapios (Monforte de Lemos)

Do total de equipos que participan nas dúas xornadas clasificatorias, 16 (oito por cada categoría) serán os que debaterán na fase final que descorrerá a principios do mes de maio no hemiciclo do Parlamento de Galicia. O tema para o debate final será anunciado pola organización no portal web da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. En canto aos premios, os gañadores de cada categoría contarán cunha axuda de 5.000 euros para unha viaxe. Así mesmo, contarán cunha mención especial e cun agasallo os/as mellores oradores/as e o mellor artigo de investigación en cada unha das dúas categorías.